23
Dic

Artigo elaborado para a guía O noso Nadal, galego e verde (descargar en pdf) elaborada polo Consello da Xuventude de Galicia.

Tempos de sobreexcitación

A medida que nos achegamos a estas datas do fin do ano, todos os nosos sentidos se ben sometidos a unha enorme sobreexcitación. Os doces de Nadal axudarán a que sigamos a obviar a fame do mundo. As luces de cores xunto cos pinos e abetos disfrazados, apartarán a nosa vista dos tempos de crise que estamos a vivir. As músicas melódicas das panxoliñas disimularán os molestos ruídos dos vehículos na rúa. Os agarimos e apertas substitúen temporalmente os berros e as discusións. E o arrecendo das perfumerías nos traslada a unha paréntese que non ten nada que ver coa realidade que vivimos o resto do ano.

Aínda que nunha moi pequena proporción, unha parte deste bombardeo ao que serán sometidos os nosos sentidos terá unha marcada compoñente ambiental. Sobre todo a través das superproducións publicitarias que farán as máis grandes empresas do país.

Seguramente comezarán por apelar a un renovado espírito do Nadal relacionado coa natureza para chegar á nosa fibra sensible a través da incontestable beleza do Planeta que habitamos. Será entón cando pasen a falar abertamente do seu grande compromiso coa Terra que é o noso lar. Antes de rematar nos presentarán a algún neno ou nena para facer o paralelismo coas necesidade de coidar o planeta e o futuro que lle deixaremos ás nosas fillas e aos nosos fillos. Como remate, sen nos dar conta, utilizarán unha pregunta retórica como ¿ves con nos? ¿apúntaste? ¿quéresnos axudar?,… e case sen nos dar conta, a culpa é nosa e estamos totalmente dispostos a que os nosos compromisos individuais de cara ao 2010 teñan un marcado carácter ambiental e de defensa do planeta.

¿Defender nos, á Terra?

Por aquí é por onde comeza o problema básico de comprensión da sustentabilidade. Estamos moi enganados se pensamos que somos quen de salvar a natureza ou o Planeta. Resulta que é a Terra quen nos da a vida a nos, e os sistemas naturais son os que soportan directamente o noso desenvolvemento. O ecosistema Terra existe dende antes de que tan sequera nos tiveramos subido ás árbores para despois volver a baixar, e seguramente existirá despois de nos…

Cando baixamos das árbores, moi pouco a pouco nos organizamos en familias, clans, tribos,… e evolucionamos até a sociedade actual. Para favorecer o progreso asociado ao intercambio, ao longo deste camiño de socialización comezouse a fraguar o subsistema económico. Este sufriu un crecemento espectacular coa revolución industrial que tivo a nefasta consecuencia de provocar o desligamento teórico e ficticio entre o natural e o humano.

É dende esta perspectiva antropocéntrica que xorden moitos dos problemas globais e máis estratéxicos que temos que afrontar na actualidade. Nun momento dado pensamos que podíamos saírnos do ecosistema global para dominar á natureza e deixamos de asumir que somos a parte máis débil dun todo que funciona de forma sistémica para o seu propio regulamento e sustentabilidade.

Neste contexto é preciso asumir que a sustentabilidade da que tanto se fala nestes tempos é simplemente o desexo social de prolongar a existencia da Humanidade na Terra o máximo posible. Polo tanto non é un favor para a natureza ou o Planeta senón unha necesidade para a nosa supervivencia como especie.

E todo isto acontece no Nadal

Precisamente é nestas datas que son as que máis lonxe están da idea de sustentabilidade, cando teñen un maior calado as mensaxes de salvagardar o futuro do Planeta. A forma na que vivimos o Nadal no “occidente desenvolvido” leva incorporada a insustentabilidade na súa mesma raíz. Tratarei de exemplificar isto en dous casos moi fáciles de identificar que desvelan os paradoxos que xorden cando se perde a perspectiva dos obxectivos últimos que buscamos coas nosas accións.

É evidente que nestas datas se disparan os consumos enerxéticos. Unha das causas son as pequenas luces coas que iluminamos o ceo das vilas e cidades. A orixe desta iluminación está na representación da estrela de oriente que hoxe non podería guiar aos Reis Magos xa que terían dificultades para atopala no ceo, entre outros motivos, pola contaminación atmosférica da produción enerxética para acender as luces de Nadal que a tentan imitar. Ou incluso un paradoxo máis tipicamente galego como é o feito de que en certos casos do rural galego (estou a pensar mesmo na miña aldea) o que non permite ver as estrelas é a contaminación lumínica da propia decoración do Nadal, ou simplemente deses rueiros iluminados constantemente pero por onde non pasa ninguén en toda a noite.

Respecto do ciclo de materiais na nosa sociedade, podemos falar dos grandes resultados que conseguimos entre todos aforrando bolsas de plástico durante o ano (seguramente tamén haberá un anuncio dalgunha grande superficie comercial dándonos as grazas por colaborar con eles por un futuro mellor, ou ¿serán grazas por pagarlles as bolsas que ate agora eran gratis e tiñan un peso importante nas contas de resultados?). Pois ben, facemos un grande esforzo durante todo o ano e resulta que agora empaquetamos o que xa ven empaquetado para dar unha sorpresa. Estou totalmente de acordo coa sorpresa pero se o pensamos un pouquiño, seguramente poderíamos inventar mil e unha forma de dar sorpresas que sexan menos obvias que agochar un regalo con papel e poñelo nas mans da agasallada ou do agasallado.

E no colmo dos centos de paradoxos que poderían servir como mostra con grande parte dos regalos que estaremos a facer, a República Popular de China está a facer un enorme negocio aproveitándose da maior das festas Cristiás!!!

¿O facemos mal a propósito?

Pode haber moitas explicacións posibles para estes e outros paradoxos, e igual de válida que outras (namentres non se demostre o contrario) é considerar que esa sobreexcitación da que falaba ao principio non sexa casual senón que estea ben orientada para converter estes días de final do ano nunha catarse colectiva de consumo compulsivo na procura dun pracer directamente relacionado coa cantidade, máis sempre é mellor.

Non existen receitas máxicas para a sustentabilidade

¿Envío postais de UNICEF ou as fago eu?, ¿árbore natural ou de PVC?, ¿está ben tomar piña na sobremesa?, ¿se ilumino con LEDs poden quedar acendidos toda a noite?, ¿é sustentable regalar un coche?, existen moitas situacións nas que sería lóxico xustificar calquera resposta pero non se pode concretar unha receita común.

Toca pensar e reflexionar en cada momento e circunstancia para buscar a mellor forma de conseguir o que queremos. O problema é que esta opción resulta menos cómoda que achegarse ao departamento de regalos estándar organizados por prezos, ou que facer a receita de todos os anos sen nos preguntar de onde veñen os ingredientes, ou que decorar a casa co último grito en luces máis todas aquelas que aínda nos funcionan de anos anteriores…

En termos de planificación estratéxica diría que deberíamos procurar unha maior coherencia interna entre os obxectivos definidos, as estratexias deseñadas e as accións desenvolvidas para acadar os resultados previstos do modo máis eficiente posible. En termos que nos serven para afrontar todas as decisións que temos que tomar de cara ao Nadal basta con utilizar o sentido común para escollermos o que realmente queremos conseguir e non o que nos din que queremos conseguir.

Dito dunha forma algo máis bonita e igual de eficiente, trátase de que imaxinemos o que desexamos para despois pensar cal é a mellor maneira de conseguilo e finalmente crear as condicións necesarias para que todo aconteza como pensamos e o que imaxinamos sexa unha realidade.

Imaxina, pensa e crea.

E como o movemento se demostra andando, vos fago partícipes de que con escribir estas tres palabras xuntas acabo de facer un regalo que non vai empaquetado, non ven da China, non é moi caro, pero que á quen vai destinado vaille debuxar un sorriso que eu estou a gozar só con imaxinalo. Para o demais MasterCard.

Por un 2010 que permita un 2011 mellor.

1 Star2 Stars3 Stars4 Stars5 Stars (No Ratings Yet)
Loading ... Loading ...
Category : otro punto de vista | reflexiones generales | Blog
---